18 de julho de 2007

Presentacións no Ronsel

O Ronsel era a primeira parada da noite por excelencia, bos prezos e boa atención. Iria, Marta máis ela entraron todas dispostas a comezar con cañas unha noite que non sabían como remataría. Xiana foi directa á barra a saudar ao dono do Ronsel, era un señor arredor dos 50 e pico anos e non sabía o motivo polo que se caeran en gracia pero sempre que ían ao bar, ela remataba botando sobre unha media hora falando con el de cousas que á mañá seguinte era incapaz de lembrar con claridade pero o recordo desas parrafadas facíana botar un sorriso enorme. Hoxe non ía ser diferente doutros días e de esguello viu como Marta, seguida de Iria, ía saudar a un rapaz que estaba sentado nunha das mesas do fondo: sería o amigo co que dixera que quedara esa noite.

O dono do Ronsel, do cal descoñecía o nome, estaba hoxe especialmente falador. Preguntáballe polo curso que estaba a piques de rematar, da carreira do día seguinte de Alonso e do rara que estaba sendo esta tempada, convidábaa á segunda cervexa da noite, comentáballe que xa estiveran por alí uns compañeiros dela e das tolerías que andaba a facer seu fillo maior por Madrid. Co "Ronsel", que así lle chamaba Xiana a este home, o tempo pasaba que daba gusto e todo eran risas.

Na mesa do fondo o transcurso do tempo era algo máis lento para Luís, Marta presentáralle a Iria que o comía cos ollos e puxéranse a falar dos exames de cada un e, como corresponde cando o descoñecemento é compartido, a facer unha breve autobiografía de si mesmos. Así Luís puido saber que Iria máis Xiana estudiaban Logopedia e que a Marta coñecérana o ano anterior cando estivera na residencia das monxas. Houbo os típicos momentos de non-conversa que se podían cortar torpemente coas tesouras dun neno de preescolar e momentos nos que Luís desesperaba vendo como Xiana, a súa muller descoñecida, se agachaba detrás da cabeza de Iria e atopaba o seu reflexo nas pupilas dilatadas da rapaza.

Xiana despediuse do Ronsel coa súa cuarta caña na man e foi cara a mesa de Iria e Marta cunha cesta de manises e cunhas racións de tortilla e raxo encargadas. Ou moi borracha estaba xa ou aquel rapaz era o mesmo da biblioteca, algo ridículo con aqueles pelos punkarras que lle quedaban tan ben tanto como un barbeado a Aznar. Así que ese era o amigo de Marta...e polo visto o próximo ligue da Iria que semellaba ser víctima dunha apoplexía cada vez que o rapaz lle falaba.

Sentou e Marta fixo as presentacións e o Luís, nun momento de torpeza disimulada, rozou cos seus beizos os de Xiana ao darse os dous bicos de rigor. "Que atrevido!" e Xiana sentou ao seu carón decidida a pasar unha boa noite.

Sem comentários: