Ía andando con Iria cara a residencia das monxiñas e ao pouco de saír da biblioteca xa me decatara de que aquel rapaz nos ía seguindo. Meu pobre, agochábase detrás das árbores e facía como que miraba escaparates, coma un espía dos máis cativos. Iria nin conta se dera de que eramos seguidas, mais si se decatara da súa presencia cando marcharamos da biblioteca, dixo que estivera a mirar para nós todo o tempo que estivo alí.
A verdade non era un rapaz mal parecido, mais esa actitude súa non era a que máis lle conviña se quería algo porque, a que viña entón iso de seguirnos? Non andaba eu coa cabeza para moitas lerias desas cando se trataba de rapaces, eran todos calcadiños: dúas piadas mal feitas, unha conversa sobre a última frikada de turno e despois dalgunhas cañas, e vendo que non había algo mellor, deixábame caer pola súa cama porque nunca estaba de máis darse un respiro na dura laboura que supoñía o estudiar. Ai, se as monxas soubesen.
Para o ano agardaba xa non estar máis naquela residencia nin en ningunha outra: ser sometida a horarios era algo insoportable e iso de ter tanto control encima algo aínda peor. Eu máis Iria xa andabam pensando en alugar piso para o próximo curso e montar un montón de festas. Ademais diso eu tamén pensaba en poder disfrutar da miña cama e en vez de ir pasar a noite a casa dalgún rapaz, que viñese el á miña. Anque iso de espertar pola mañá e recoller a roupa para saír liscando mentres o mozo roncaba tampouco estaba nada mal.
Este xoves a ver se voltaba a ver a Antón, anque se o pensaba ben, tampouco era necesario: a primeira vez que estivera con el pasárao moi ben, desta última xa se fixera un pouco vago e en vez de sexo tivera moita máis palabrería que tampouco me disgustara. Dicía o meu nome coma se fose un caramelo: Xiana, e despois rechupeteábame toda a primeira hora da mañá. Polo de agora había que agardar á chegada do xoves e de novo atopeime preguntando quen sería o rapaz da biblioteca.
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
Sem comentários:
Enviar um comentário