19 de julho de 2007

co alcohol dentro da cabeza

Foi un erro, foi un erro, foi un erro.
Non debín facer iso, non sei porque bebín tanto antes de sair da casa. Hai que ser ben parvo para facer o que fixen.
Aquí falando tan ricamente cunha rapaza e tento bicar á súa amiga nos beizos cando nos están presentando.
¿Por que bebería tanto? E ademais cacique, co mal que me senta á cabeza, que sempre acabo por facer ou dicir parvadas.

Un momento.

Ela non dixo nada...

A amiga non se enterou de nada.

Hai que pensar de novo a estratexia. Igual non estou indo pola rapaza que tiña que ir.
Certo que na biblioteca quedei abraiado con Iria pola súa ollada de muller fatal, pero esta rapaza, sendo menos guapa ten un algo moi atractivo. Dan gañas de darlle por todos lados ate estoupar un dos dous.

Merda, estou bébedo de todo. Se xa me poño así de saído tan cedo é porque estou bébedo.
Ou non..., é lóxico poñerse así. Estou sentado con tres rapazas e semella que o están a pasar ben comigo...

Non fagas películas, ainda non pasou nada. Pero non vou negar que a cousa vai mellor que de costume. ¡Ainda vai ter razón Antón co de barbearme e o do peiteado este doBeckham!

E a rapaza esta chámase Xiana, igual ca da outra noite de Antón. Mira que se a volve levar el hoxe e levamos a casa unha Xiana cada un... Despois podíamos intercambiar as parellas.

Está claro. Esta noite bebín xa abondo.

18 de julho de 2007

Presentacións no Ronsel

O Ronsel era a primeira parada da noite por excelencia, bos prezos e boa atención. Iria, Marta máis ela entraron todas dispostas a comezar con cañas unha noite que non sabían como remataría. Xiana foi directa á barra a saudar ao dono do Ronsel, era un señor arredor dos 50 e pico anos e non sabía o motivo polo que se caeran en gracia pero sempre que ían ao bar, ela remataba botando sobre unha media hora falando con el de cousas que á mañá seguinte era incapaz de lembrar con claridade pero o recordo desas parrafadas facíana botar un sorriso enorme. Hoxe non ía ser diferente doutros días e de esguello viu como Marta, seguida de Iria, ía saudar a un rapaz que estaba sentado nunha das mesas do fondo: sería o amigo co que dixera que quedara esa noite.

O dono do Ronsel, do cal descoñecía o nome, estaba hoxe especialmente falador. Preguntáballe polo curso que estaba a piques de rematar, da carreira do día seguinte de Alonso e do rara que estaba sendo esta tempada, convidábaa á segunda cervexa da noite, comentáballe que xa estiveran por alí uns compañeiros dela e das tolerías que andaba a facer seu fillo maior por Madrid. Co "Ronsel", que así lle chamaba Xiana a este home, o tempo pasaba que daba gusto e todo eran risas.

Na mesa do fondo o transcurso do tempo era algo máis lento para Luís, Marta presentáralle a Iria que o comía cos ollos e puxéranse a falar dos exames de cada un e, como corresponde cando o descoñecemento é compartido, a facer unha breve autobiografía de si mesmos. Así Luís puido saber que Iria máis Xiana estudiaban Logopedia e que a Marta coñecérana o ano anterior cando estivera na residencia das monxas. Houbo os típicos momentos de non-conversa que se podían cortar torpemente coas tesouras dun neno de preescolar e momentos nos que Luís desesperaba vendo como Xiana, a súa muller descoñecida, se agachaba detrás da cabeza de Iria e atopaba o seu reflexo nas pupilas dilatadas da rapaza.

Xiana despediuse do Ronsel coa súa cuarta caña na man e foi cara a mesa de Iria e Marta cunha cesta de manises e cunhas racións de tortilla e raxo encargadas. Ou moi borracha estaba xa ou aquel rapaz era o mesmo da biblioteca, algo ridículo con aqueles pelos punkarras que lle quedaban tan ben tanto como un barbeado a Aznar. Así que ese era o amigo de Marta...e polo visto o próximo ligue da Iria que semellaba ser víctima dunha apoplexía cada vez que o rapaz lle falaba.

Sentou e Marta fixo as presentacións e o Luís, nun momento de torpeza disimulada, rozou cos seus beizos os de Xiana ao darse os dous bicos de rigor. "Que atrevido!" e Xiana sentou ao seu carón decidida a pasar unha boa noite.

7 de julho de 2007

Antón

Non o enganara nin por un momento. Aquela parvada de agardar por Daniel non a tragaba nin un neno de dous anos.
Luis o que quería era agardar por algunha rapaza.
Se alomenos fixera algo de caso cando el daba consellos.
Non é que tivera por costume aconsellar á competencia, pero con Luis facía unha excepción. Tiña que notarse que levaban xuntos toda a vida. Eran veciños, estudaran xuntos toda a vida e agora compartían piso na universidade. Ademais, Luis nunca podería facerlle competencia en serio, con aquelas pintas que levaba sempre.
Era inexplicabel aquela teima que tiña Luis en vestir coma un mamarracho. Alomenos esa noite fixera caso e barbeara. Mesmo tentara peitearse igual ca el...
A ver que pasaba. Quería que tivera sorte, quería moito a Luis.

Ronsel

Fixo soar no portatil song 2 dos Blur. Encantáballe escoitar esa canción desde pequeno mentras se preparaba para sair, a súa nai non lle permitía poñela moi alta porque os veciños se queixaran varias veces do ruido.
Agora a súa nai non estaba para impedirllo, eran os altofalantes merdeiros do portatil os que lle impedían meterlle caña. Escoitábaselle mais a el aturuxar por enriba que ó Damon Albarn, e se subía mais o volume a distorsión impedía escoitar a canción.
Barbeuse con moito coidado, repasando ben cada parte da cara, e botou after-shave do que tiña Antón. Colleu tamén o fixador e puxo o pelo de punta coma o Beckham. Non podía deixar nada ó chou.
Para cando rematou de vestirse xa o resto estaban a beber na sala. Pero non quería deixar nada ó chou. Tiña que estar perfecto, nin moi posto nen pouco. Ela vivía nunha residencia de monxas, probablemente fora unha destas coitadiñas, por moito que lle devolvera a ollada con descaro. Tiña que estar tan guapo coma os seus amigos pijos pero que se notara que el non era parvo coma eles.

Sairon cedo despois de cear, querían aproveitar os prezos rebaixados de primeira hora no bar Ronsel e empezaran por alí, coma sempre. O resto foron marchando do Ronsel e Luis quedou alí só, poñendo unha desculpa calquera para quedar atrás. Quería agardar até que chegara Raquel, a rapaza que coñecera no tren e que lle podía apresentar á muller da súa vida. Ben, se cadra non era a muller da súa vida, pero alomenos quería que fora a súa muller de aquela noite.

Estaban pedindo a segunda estrella na barra cando a víu aparecer pola porta. Canda ela estaba a rapaza da biblioteca e tamén a outra rapaza. E agora que a ollaba vestida e maquillada estaba
mais boa do que pensara nun primeiro momento.

6 de julho de 2007

A rapaza das monxas

Ía andando con Iria cara a residencia das monxiñas e ao pouco de saír da biblioteca xa me decatara de que aquel rapaz nos ía seguindo. Meu pobre, agochábase detrás das árbores e facía como que miraba escaparates, coma un espía dos máis cativos. Iria nin conta se dera de que eramos seguidas, mais si se decatara da súa presencia cando marcharamos da biblioteca, dixo que estivera a mirar para nós todo o tempo que estivo alí.

A verdade non era un rapaz mal parecido, mais esa actitude súa non era a que máis lle conviña se quería algo porque, a que viña entón iso de seguirnos? Non andaba eu coa cabeza para moitas lerias desas cando se trataba de rapaces, eran todos calcadiños: dúas piadas mal feitas, unha conversa sobre a última frikada de turno e despois dalgunhas cañas, e vendo que non había algo mellor, deixábame caer pola súa cama porque nunca estaba de máis darse un respiro na dura laboura que supoñía o estudiar. Ai, se as monxas soubesen.

Para o ano agardaba xa non estar máis naquela residencia nin en ningunha outra: ser sometida a horarios era algo insoportable e iso de ter tanto control encima algo aínda peor. Eu máis Iria xa andabam pensando en alugar piso para o próximo curso e montar un montón de festas. Ademais diso eu tamén pensaba en poder disfrutar da miña cama e en vez de ir pasar a noite a casa dalgún rapaz, que viñese el á miña. Anque iso de espertar pola mañá e recoller a roupa para saír liscando mentres o mozo roncaba tampouco estaba nada mal.

Este xoves a ver se voltaba a ver a Antón, anque se o pensaba ben, tampouco era necesario: a primeira vez que estivera con el pasárao moi ben, desta última xa se fixera un pouco vago e en vez de sexo tivera moita máis palabrería que tampouco me disgustara. Dicía o meu nome coma se fose un caramelo: Xiana, e despois rechupeteábame toda a primeira hora da mañá. Polo de agora había que agardar á chegada do xoves e de novo atopeime preguntando quen sería o rapaz da biblioteca.