23 de junho de 2007

Acosando

Así que as dúas rapazas marcharon fixo algo do que non tivo tempo de se arrepentir. Coma se fora o acosador dunha pelicula barateira, desas supostamente baseadas en feitos reais, saíu detras delas.
Seguíunas coma manda o manual dos espias caseiros, a bastante distancia e sen deixarse ver. Facía as típicas cousas que fan os tolos para que non o descubriran e pensaran que era un tolo. ¡Era xa o que lle faltaba! Se o descubrían e Antón se enterara podía escachar ca risa unha semana enteira.
Pero quería saber mais da rapaza, que estudaba, onde vivía, se tiñan algún coñecido común...
Estaba convencido de que ela estaba interesada algo en el, ainda que só fora un chisquiño, e unha oportunidade así, cunha rapaza coma aquela non a podía desbotar sen darlle alomenos unha oportunidade. Non sabía se era o autentico amor ou a fame que traía pero sentía algo especial. E non era esa sensación no estómago, iso era a fame da outra que xa lle tocaba comer, pero ademais da fame tiña unha estraña sensación, pero tanto podía ser eso que din nas peliculas das bolboretas coma as gañas que tiña de foder nela até borrarlle o número de serie do chasis.

O seguemento deu os os seus froitos, porque descubríu onde vivía, nunha desas residencias que teñen as monxas. Nunca diría tal dela, o último que agradaba é que vivira nun deses cárceres represores.
E ademais coñecía unha das rapazas cas que falou ela polo camiño, era unha rapaza que estudaba Historia e que lle presentara un amigo no tren. Xa estaba. Faría por buscar á rapaza o xoves e que lles presentara.
Nin Antón o faría mellor. O primeiro paso estaba perto.

21 de junho de 2007

Ligoteca

Entrou na biblioteca a modo, mirando ós ollos das rapazas que estaban sentadas estudando.
Estudando non, sentadas diante dos seus apuntamentos, porque erguer a ollada cando se escoita o bater da porta unha vez, e outra, e outra mais non favorece moito a concentración. Tiñan razón os que dicían que aquela era a ligoteca. A xente que quería estudar quedaba na casa ou escollía outra biblioteca con menos movemento. Aquela era para os que non querían deixar de ligar ca desculpa dos exames.
Chegando á metade da sala viuna. Estaba alí sentada nunha esquina e non se preocupaba de disimular, ollaba de frente e mantiña a mirada con descaro. Luís mirou os seus ollos un intre pero non foi quen de seguir e xirou os ollos. Ese intre foi eterno, sentíu un calambre no estomago e pensou:
-¿sigo mirando?¿baixará os ollos ela?¿gustareille?Non pode ser, mira para aí, é un canón de rapaza. Mellor...
E antes de se decatar xa estaba mirando cara outro lado.
-¿Que tería feito Antón? Seguro que el ainda estaba mirando. Non, el estará na cafetaría tomandolle algo con ela. Si, abofé, e mañá á mañá os escoitaría falando no seu cuarto.
Sentou detrás dela a un par de mesas, medio agochado tras dun rapaz gordo cunha camisola de Slayer, abriu os apuntamentos e o libro pero non lle prestou moita atención. Nin sequera estivo vixilante ó pase de modelos da porta.
Con algo de disimulo estivo vixiando á rapaza dos ollos asoballadores, e semellaba que non tiña mozo, alomenos alí non. Parecía que andaba cunha rapaza ben feitiña que estaba ó seu carón, nin reparara nela ó entrar, ainda que estaba ben boa tamén. Nin ela nin a súa amiga miraron cara onde el estaba en todo o tempo... Até o momento no que marcharón. Entón ela mirou de esguello, como se a ollada directa de antes non existira, e cando viu que el tamén a miraba, retirouna. A amiga si que o mirou ben tempo, e ó alonxarse un pouco da mesa comentoulle algo á orella e marcharon rindo as dúas cara a fora.

20 de junho de 2007

Mañá de domingo

Abriu a fiestra e deixou entrar a claridade no cuarto.
Tivo que pechar con forza os ollos, e ainda así sentía como o sangue pasaba polas súas temporas cunha esmagadora insistencia, fumm, fumm, fumm. Pero era preciso que entrara o ar limpo se non quería ver de novo o pouco que comera e o moito que bebera á noite. A súa nai tiña razón: o corpo as fai, o corpo as paga.
Prendeu a radio de camiño para a cociña, colleu unha aspirina e o cartón de leite para beber a morro e voltou ó seu cuarto. No cuarto do lado escoitaba como o seu compañeiro de piso Antón falaba en voz baixa ca rapaza que estaba con el. ¿Como dixo que se chamaba? ¿Susana? ¿ou era Xiana?
Encendiu o portatil e conectouse á rede. Non é que precisara ver moitas porcalladas para ter o carallo dereito ó erguerse pero en algo había que botar o tempo. Porque iso estaba claro, tal e coma estaba esa mañá se quería facer unha palla podía botar media mañá.
Tiña tempo.
O que lle recordou que tiña que aprender de Antón, el nunca tiña tempo os domigos, nin necesidade de facer pallas. ¿sería ese peiteado ó estilo Beckham? ¿ou ese xeito de falarlles coma se fora unha estrela do rock?
Luis, ¡se queres foder mais hai que espabilar!